A día de hoxe, 13 de outubro de 2004, a Consellería de Política Agroalimentaria aínda non publicou a orde para que os gandeiros e gandeiras de Galiza poidan solicitar cota láctea do Fondo Estatal.
En realidade, a cota ofertada polo Ministerio de Agricultura na Orde APA 2727 / 2004 de 26 de xullo é de miseria: 7.938 toneladas a 39 céntimos por litro. Nembargantes, esa non é xustificación suficiente como para que Política Agroalimentaria renuncie a ela, sobre todo se temos en conta que Galiza, sendo a comunidade que máis explotacións lácteas ten do Estado –máis do 50%- é, proporcionalmente, a máis deficitaria no reparto dos dereitos de produción (menos dun tercio).
Dende o Sindicato Labrego Galego só contemplamos dúas posibles razóns para esta renuncia: a primeira, que Política Agroalimentaria, debido ao troco de titular, se despistase con respecto ao prazo; a segunda que, directamente, decidise non abrir o prazo por motivos que descoñecemos. En calquera caso, e tendo en conta as razóns devanditas, a Consellería de Política Agroalimentaria vai cometer unha irresponsabilidade ao privar a algunhas explotacións lácteas galegas de ampliar a súa cota, e demostra así, unha vez máis, a súa máis absoluta incompetencia para traballar en prol dos intereses labregos. En calquera caso, o novo Conselleiro non empeza con bo pé o seu mandato. Nos tempos que corren, co peche de miles de explotacións lácteas cada ano en Galiza, non podemos renunciar a ningunha ampliación de cota por pequena que sexa.
Antes de rematar, e a xeito de recordatorio, lembrámoslle ao señor Santiso Miramontes que o Real Decreto 347 / 2003 do 21 de marzo, polo que se regula o sistema de xestión da cota láctea, di no seu artigo 30 que a convocatoria e tramitación para a venda de cota do Fondo Estatal lle corresponde aos órganos competentes das comunidades autónomas. En Galiza, polo de agora, Política Agroalimentaria non fixo nada ao respecto; e que a Orde APA / 2727 / 2004 do 26 de xullo establece como prazo límite para facer as solicitudes o 15 de outubro.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.