A noticia de que o Igape vai apoiar a instalación dunha planta para a fabricación de agrocarburantes, promovida por Acciona xunto á refinería de Repsol, suporá a implantación da última fronteira de devastación agraria e alimentaria no noso país.
E hai razóns dabondo para aseverar isto. Esta planta elaborará 200.000 toneladas de agrocarburantes ao ano, obtidas grazas ás importacións de materias primas doutros países que entrarán polo Porto da Coruña, xa que este tipo de cultivos son totalmente inviables en Galiza. De feito, o mandato da Comisión Europea de que o 10% do consumo de combustibles veña de cultivos enerxéticos obrigaría a que Galiza plantase 800.000 hectáreas cada dous anos, superficie que supera á utilizada actualmente para fins agrícolas e forraxeiras.
A produción de agrocarburantes vén de diversos cultivos, como a colza e o xirasol, que se dan nas zonas cálidas; ou a cana de azucre, a soia e a palma, de rexións tropicais. Estes aproveitamentos están a condicionar a soberanía alimentaria de moitos países como Brasil, Indonesia ou Malaisia, xa que a superficie dedicada a agrocarburantes deixa de utilizarse para aproveitamento agrícola ou gandeiro.
Para Galiza, a proliferación de agrocarburantes, amais de non paliar a nosa dependencia enerxética, fará que os prezos dos insumos das explotacións gandeiras suban pola concorrencia de usos a nivel mundial, polo que estamos vestindo un santo para espir outro.
Outra grande falsidade é que os agrocarburantes aforran CO2 e rebaixan o efecto invernadoiro. Isto é totalmente incorrecto, xa que o problema do cambio climático vén dado polos niveis de consumo que, como xa vimos, non poden paliar os agrocarburantes por mor das inmensas superficies que necesitan. Aparte disto, hai estudos rigorosos, coma os feitos
polos profesores David Pimentel e Tad Patzec, das universidades de Cornell e Berkeley respectivamente, que teñen situado que as necesidades de petróleo para sacar adiante os cultivos enerxéticos superan á produción bruta de combustible que poidan xerar, polo que emiten mais CO2 á atmosfera.
Por se non abondase, os agrocarburantes emiten máis contaminantes nitrosos, e a súa produción é agora o dobre de cara cós combustíbeis provenientes do petróleo, polo que precisan de importantes subsidios públicos e rebaixas fiscais que, como non pode ser doutro xeito, saen dos nosos petos en forma de impostos. Coma sempre, os únicos que non obterán
beneficios deste grande e ruinoso negocio son os labregos e as labregas.
Diante de todo isto, o Sindicato Labrego Galego demanda un debate amplo na sociedade sobre o noso modelo de consumo enerxético. Tamén habería que pensar na forte dependencia do noso país en vexetais alimentarios (Galiza ten un déficit de máis de 400.000 toneladas de cereais, hortalizas e froitas), e en pensos para as nosas granxas, feitos que fan pouco seria
esta teima de virar os nosos recursos agrarios cara á produción de agrocarburantes. O camiño está en rebaixar o noso consumo enerxético e en favorecer a nosa soberanía alimentaria, o que aforraría unha cantidade inxente de combustible para motorizar, e favorecería a fixación de poboación no campo, feito que influiría notablemente na diminución dos incendios que, como ben sabemos, son unha fonte importante de CO2. Á luz destes datos, é doado ver de que
maneira poderiamos aforrar e reducir o risco de cambio climático.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.