Santiago, 9 de maio de 2007.- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos participa, coa presenza de tres científicos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) de Vilaxoán, na IX Reunión Ibérica sobre Fitoplancto Tóxico e Biotoxinas que se está a celebrar en Cartagena (Murcia)
No traballo de investigación que os técnicos do Intecmar presentan neste encontro, amósanse os resultados dun balance sobre a evolución dos episodios tóxicos rexistrados nas principais áreas de produción de moluscos de Galicia nos anos 2003, 2004, 2005 e 2006. Segundo o devandito estudo, ao longo destes anos existiu unha presenza frecuente de toxicidade de tipo ASP e DSP, sendo esta última a máis recorrente. Non entanto, o episodio tóxico de tipo PSP rexistrado ao remate de 2005, provocado pola proliferación de Gymnodinium catenatum, foi o que causou peches máis prolongados nas zonas de produción. Así mesmo, o estudo destaca que non se tiñan rexistrado episodios de toxicidade PSP tan intensos desde 1995.
A IX Reunión Ibérica sobre o Fitoplanto Tóxico e Biotoxinas ten carácter bianual e reúne á comunidade científica encargada do control do fitoplancto tóxico e as biotoxinas en España e Portugal, co fin de intercambiar experiencias e pór en común os avances que se teñan dado no ámbito no que traballan.
O labor do Intecmar no control de biotoxinas
O programa de vixilancia e control de biotoxinas que o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño leva a cabo en Galicia inclúe, entre outras cuestións, a análise exhaustiva e periódica das diferentes especies de moluscos bivalvos destinados ó consumo humano. Para este fin, a rede de control conta cun total de 52 puntos primarios de mostraxe, estratexicamente escollidos entre os considerados de máis rápida afectación, que se atopan en bateas de mexillón e cuxa frecuencia de mostraxe mínima é semanal. Ademais existen, 189 puntos secundarios, complementarios dos anteriores, ubicados tamén en bateas de cultivo de mexillón e cunha frecuencia de mostraxe variable, así como 16 puntos fixos para a mostraxe de mexillón de rocha e que se realizan cunha frecuencia mínima semanal; 18 áreas de mostraxe de moluscos infaunais e 16 áreas de mostraxe de moluscos epifaunais, tamén cunha frecuencia mínima semanal.
A Unidade de Biotoxinas do Intecmar, como laboratorio oficial para o control analítico de biotoxinas nas zonas de produción, así como nas etapas de transporte, transformación e comercialización, realiza ademais as análises correspondentes aos moluscos procedentes das redes de inspección da nosa Comunidade Autónoma.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.