A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación Cetmar), organiza o Seminario Reg-Ex sobre “Algas: uso, explotación e cultivo nas rexións Atlánticas Europeas”, que terá lugar o vindeiro martes, 15 de maio, nas instalacións do propio centro. Esta iniciativa inclúese dentro do Programa Comunitario de Cooperación Aquareg entre Trondelag (Noruega), BMW (Irlanda) e Galicia.
O obxectivo deste seminario é dar a coñecer as iniciativas relacionadas cos distintos usos e formas de aproveitamento das algas, e intercambiar experiencias e coñecementos en aspectos relacionados coa recolección, cultivo, procesado, comercialización e consumo deste recurso mariño. Ademais, ten como propósito intercambiar a experiencia práctica do pequeno empresario coa dos investigadores e difundila ao público en xeral. Deste xeito, os ponentes que participen neste foro serán persoas relacionadas coa industria e a investigación pertencentes ás tres rexións que participan no Programa Aquareg (Trondelag, BMW e Galicia), así como empresarios e investigadores da Bretaña francesa.
Poderá asistir a este encontro, non só o público en xeral interesado nos usos e aproveitamentos das algas, senón tamén as confrarías de pescadores que teñan entre as súas actividades a extracción de algas, así como empresas involucradas na súa comercialización e as propias administracións públicas. O seminario contará coa asistencia de irlandeses e noruegos involucrados neste tipo de iniciativas a través de Aguareg.
Programa do seminario
Entre as ponencias que se poderán escoitar o vindeiro martes no Cetmar, no marco deste seminario adicado ás algas, atópanse as relacionadas cos distintos usos que se lle dan a este recurso mariño e coas experiencias neste eido dos representantes das tres rexións do Programa Aquareg e da Bretaña francesa.
Na primeira parte deste foro destacan as seguintes ponencias:
– Algas para consumo humano directo: Cultivo artesanal integral de algas e comercialización a pequena escala na Bretaña francesa.
– Algas para consumo humano indirecto: alginates, carragenates. Extracción e produción de Carragenates en Galicia.
– Algas para uso cosmético e farmacéutico: Elaboración de produtos medicinais de orixe algal en Francia.
– Emprego de algas na acuicultura: Algas nos pensos para a acuicultura, análise nutricional das algas seleccionadas e a súa utilización nos pensos para a troita.
– Acuicultura Multitrófica Integrada: O futuro da acuicultura sostible.
– Outros usos: fetilizantes ou biofiltros. Tratamento de algas para a súa utilización como fertilizantes biolóxicos na agricultura.
Na segunda sesión de ponencias, a temática ligarase á explotación e o cultivo de algas, destacando as seguintes charlas:
– O proxecto Carrasea: Resultados e situación actual da explotación das algas carregenófitas en Galicia e Irlanda.
– Unha visión dos recursos algais de Irlanda e as súas aplicacións comerciais.
– Situación actual da explotación de algas en Noruega.
Finalmente, o Seminario Reg-Ex rematará cun foro de debate sobre as perspectivas de futuro, necesidades, retos e posibilidades deste recurso mariño, así como sobre a cooperación interrexional neste ámbito.
O proxecto Carrasea
Esta iniciativa, cuxos resultados se presentarán no Seminario, está impulsada pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Dirección Xeral de Recursos Mariños, e ten por obxectivo mellorar o coñecemento sobre o estado das poboacións das algas vermellas (Chondrus crispus e Mastocarpus stellatus) de cara á mellora da súa explotación tanto en Galicia como en Irlanda. Estas especies concretas producen carraxenanos que, polas súas propiedades xelificantes e espesantes, son empregados na industria alimentaria, famacéutica e cosmética.
Para a realización deste estudo de iniciativa galega, profundizouse na investigación das características socio-económicas do sector, a dinámica das poboacións, o impacto das actividades extractivas nas poboacións actualmente explotadas, a variabilidade xenética e diferenciación de ecotipos máis produtivos e a evolución cualitativa e cuantitativa do contido en carraxenanos destas especies de algas.
En Galicia, a explotación dos carraxenófitos (algas vermellas) comezou xa nos anos 60 e na actualidade constitúen aproximadamente o 80% da totalidade das algas explotadas na nosa comunidade. A esta actividade adícanse ao redor de100 persoas de forma máis ou menos estable.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.