Representantes do Consello Reitor da entidade e das cooperativas socias acudiron a esta cita na que se aprobaron as Contas de Resultados, Balance e Memoria Económica do 2006. Tamén se fixo un repaso das actividades desenvolvidas ao longo de todo o ano e se informou do Plan Anual de Actividades para 2007.
Entre os obxectivos principais que AGACA asume para todo este ano, destacan o impulso á competitividade e á internacionalización das cooperativas. Procesos como as fusións e a intercooperación, seguirán sendo apoiados e fomentados dende a Asociación, co pleno convencemento de que a unión de cooperativas favorece un resultado empresarial moito máis competitivo, polo que tamén se fomenta a constitución de sociedades para a agricultura de grupo e os servizos de maquinaria en común.
Unha das liñas na que na Asociación está a investir importantes esforzos é a dos proxectos comunitarios, como ferramentas que apuntan grandes posibilidades de expansión para o cooperativismo galego. Neste ano rematarán os dous proxectos, Equal Nexus Rede e Interreg Desqoop nos que está a participar, figurando ademais, como entidade líder.
A calidade dos produtos cooperativos e a súa referencia externa é tamén outro dos puntos no que se está a traballar con forza. A modo de exemplo estase a promover a futura creación dun label de horta e estase a impulsar a implantación dun Referencial de Leite de Vaca Cooperativo.
A formación, tanto dos socios de base, como de directivos e reitores, de alto nivel é outro dos piares nos que AGACA está a apoiar o seu labor cotián.
Na procura destes fins e de representar axeitadamente ao cooperativismo agrario, AGACA exerce unha labor de defensa dos distintos subsectores a través da participación en Mesas Sectoriais e Estratéxicas; do seguimento dos Mercados; do impulso á I+D+i; da participación das cooperativas na renovación dos Consellos Reguladores; no Consello Galego de Cooperativas; na Plataforma Tecnolóxica Agroalimentaria Galega e no Grupo Lácteo Galego.
En definitiva, deuse conta do labor diario que está a desenvolver a Asociación polo sector agrario galego en xeral e polo cooperativismo en particular, coa pretensión de mellorar o noso rural e dar a coñecer ao público todo o que implica o contorno cooperativo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.