O sector lácteo galego mobilizarase o vindeiro día 19 de xuño diante dos centros comerciais que as cadeas Eroski, Lidl, Carrefour e Día teñen en Santiago, Lugo e A Coruña, para denunciar as prácticas monopolísticas que estas distribuidoras están levando a cabo co único obxectivo de forzar ó peche ós produtores galegos para poder colocar no mercado galego e español os excedentes das explotacións de leite alemás e francesas.
Diante deste nacionalismo comercial, as cooperativas galegas e as organizacións agrarias Xóvenes Agricultores e Unións Agrarias esixen que se poñan en marcha de xeito inmmediato as medidas de control e inspección das administracións para frear as vendas de leite á perda a que se está forzando ós gandeiros galegos. Tamén se insiste na necesidade de poñer couto ás importacións incontroladas e sobre todo no dereito dos consumidores a coñecer a procedencia e a composición do leite e dos derivados lácteos.
Esta política prepotente e escurantista das cadeas de distribución de capital francés ou alemán é contra a que os gandeiros e gandeiras galegas se veñen manifestando de xeito unitario e esixindo solucións nas mesas de negociación, como a que terá lugar o vindeiro día 18 en Madrid, no marco da Inlac. Outras mobilizacións, como as que están anuciadas para mañá, supoñen máis ben a busca dun protagonismo estéril e parecen responder máis á promoción mediática dunhas siglas que á defensa do conxunto do sector.
Non se entenden doutra maneira declaracións públicas por parte dalgún autoproclamado líder agrario que plantexa unha tractorada para forzar unha reunión co conselleiro do Medio Rural ou tamén as contradicións dun sindicato que parece pretender que se fixe o prezo do leite no BOE ó mesmo tempo que se senta nas mesas sectoriais con industria e distribución para acordar un prezo base para o leite.
Hoxe, na presentación das concentracións, os secretarios xerais de Xóvenes Agricultores e de Unións Agrarias, Francisco Bello e Roberto García, apostaron pola unidade do sector e lamentaron actuacións unilaterais que crean confusión nos gandeiros. “Esta é a única manifestación conxunta”, apuntou o dirixente de Xóvenes. Para Francisco Bello, trátase “de traballar na defensa do sector” e de pór de manifesto ante os consumidores que a situación de baixa de prezos aos gandeiros “é responsabilidade da Distribución”.
Para Roberto García, as concentracións do venres son o referente para o sector leiteiro galego. O dirixente de Unións Agrarias rexeitou “os actos unilaterais” e lamentou os intentos “de romper a unidade de acción”. As cooperativas galegas, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores apuntan que este é o tempo da unidade de acción baseada no acordo e na posta en común, e non o dos personalismos. So así se poden atopar as solucións viables que os gandeiros precisan xa de xeito urxente.
Finalmente, UUAA e XXAA anunciaron a súa presenza na manifestación de agricultores e gandeiros europeos que terá lugar o vindeiro 22 de xuño en Luxemburgo, coincidindo co Consello de Ministros de Agricultura da UE.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.