A organización agraria Xóvenes Agricultores considera absolutamente inaceptables as manifestacións realizadas polo propietario de Leite Río, polo que supoñen de risco para a estabilidade do sector produtivo leiteiro galego e polo que significan de chantaxe para determinados gandeiros, aos cales ameaza con deixarlles de recoller o leite a partir do vindeiro mes de setembro.
Actitudes como a destes días reflicten, de novo, un comportamento inasumible para os produtores por parte deste empresario quen, se non é capaz de xestionar axeitadamente a súa empresa, debería pensar en adicarse a outros negocios e, deste xeito, non perxudicar aínda máis aos produtores de leite de Galicia.
Comportamentos desta natureza son os que poñen en valor o recente acordo acadado en Madrid, xa que o documento asinado a finais de xullo aposta pola estabilidade de prezos e a plena garantía de recollida do leite. Xóvenes Agricultores, xa que logo, fai un chamamento expreso ás industrias que operan en Galicia para que agilicen a sinatura dos contratos homologados de compra-venda de leite. Tamén invita á distribución a que tome boa nota deste tipo de comportamentos que, en definitiva, perxudica a todo o sector, xa que o propietario de Leite Río practica unha política de baixada de prezos inasumible e lesiva para todos.
Xóvenes Agricultores confía en que non se fagan efectivas as ameazas do propietario de Leite Río e que se recapacite sobre este tipo de actitudes, ao tempo que anima a outras empresas a posicionarse no sector e gañar espazo na recollida se se confirma o anuncio do titular desta industria conflictiva para Galicia.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.