O sindicato Unións Agrarias vén de denunciar ante o Servizo Galego de Defensa da Competencia a entrada de leite en cisternas, especialmente procedente de Francia, onde se paga a un prezo superior ao galego, así como a práctica monopolística da industria que impide aos gandeiros cambiar libremente de comprador. Unións Agrarias demanda transparencia no sistema a través da publicación dos datos das importacións para dar solidez e credibilidade á iniciativa do Goberno da marca Galega 100%, xa que en consecuencia co plantexamento da marca, o leite de Galicia debe ter unha cadea de elaboración completamente allea en plantas de produción separadas para evitar a posible mestura con leite doutras procedencias.
Ademais, o sindicato esíxelle á Xunta de Galicia que explique por qué os gandeiros galegos seguen a cobrar unha media do 5% menos que os do resto de España e do 7% tamén inferior aos de países excedentarios de Europa.
Así, o prezo medio do leite en Galicia durante 2010 foi inferior á media estatal e ao de países coma Francia, Alemaña, Holanda, Dinamarca e Austria. Concretamente só superou aos países de Europa do Leste. A seguinte táboa reflicte os prezos medios durante 2010 do leite galego, español, francés e alemán.
Segundo o estudio realizado pola organización sindical, o prezo pagado aos gandeiros galegos polo seu leite no ano 2010 foi sempre inferior ao prezo percibido polos gandeiros do resto do Estado ou doutros países da Unión Europea, constatándose diferenzas do 4,63% respecto á media nacional, do 7,15% respecto a Francia, do 7,17% con Alemaña, do 8,87% con Holanda, do 8,96% con Dinamarca e do 18,94% con Italia.
Estes datos non se entenden cando a evolución dos produtos industriais durante o ano 2010 foi moi positiva e sobre todo cando no mes de xaneiro a manteiga subiu en Europa o 24% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, e o leite semidesnatado en pó un 17%, o leite enteiro en pó un 20% , o queixo cheddar un 23% e o soro en pó un 25%.
Esta tendencia á alza tamén se rexistra no escenario internacional, no que a poxa de Fonterra tamén reflicte unha evolución positiva con incrementos interanuais nos produtos industriais medios do 30,30%.
A organización sindical puxo ademais, en coñecemento do Servizo Galego de Competencia a dificultade dos gandeiros para cambiar de empresa á que lle entregan o leite ao tempo que denunciou presuntas prácticas comerciais das empresas distribuidoras coma o dumping e a utilización do leite como produto reclamo.
Referíndose ás posibles prácticas de dumping, Unións Agrarias destaca que mentres que os custos de envasado ascenden a 0,49 euros aos que se engaden os de transporte e a marxe de distribución, non se entende como marcas como Carrefour ofrece na súa tenda on-line o litro de leite enteiro da súa marca de distribuidor con orixe en Galicia a 0,53 euros e incluso ten unha referencia Discount a 0,48 euros. Ademais, utiliza o leite como produto reclamo ofrecendo a marca President no seu folleto a 0,43 euros/litro a segunda unidade.
O sindicato anima a investigar estes casos xa que se podería estar incorrendo nun fraude ao consumidor derivado de que o produto de partida non sexa leite cru procedente do muxido dunha vaca, senón que se trate de subprodutos como permeatos ou leite reconstituída a partir de leite en pó.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.