Ante a conflitividade veciñal e mesmo perigosidade por accidentes de tráfico que está a xerar a presenza de gando mostrenco equino e vacún, UUAA quere denunciar a falta dun marco legal axeitado que regule esta actividade e elimine estes riscos, entendendo que debe de ser un dos principais retos da Lei de Montes de Galicia que prepara o actual Executivo.
Tanto vacas como cabalos, que pastan en réxime de liberdade, sen ningún tipo de control, nin peches que aseguren o seu manexo seguro, están a causar numerosos conflitos veciñais, unhas veces por pastar en terreos de Comunidades de Montes sen a súa autorización, e outras porque fan destrozos en repoboacións e cultivos ou porque invaden a estrada causando accidentes de moi alto risco para as persoas que circulan polas vías.
Na actualidade, todo este gando debe de ter un microchip que garanta a súa identificación, e pastar en terreos con autorización expresa dos seus titulares, así como contar cunha serie de garantías no seu manexo, como a existencia de peches ou valados nas marxes das vías. Non obstante, a Xunta de Galicia é permisiva con este tipo de situación, o que desemboca que esta lexislación non se cumpra, e que sexan veciños e concellos, quen faga fronte ao decomiso e subhasta destes animais, ao regularse por unha Lei do ano 1905.
UUAA entende que ten que ser a Xunta de Galicia quen faga uso das súas competencias exclusivas en materia de montes, e aproveite a anunciada Lei de Montes de Galicia, para abordar este problema sen escusas, e arbitre un sistema eficaz que permita o decomiso e retirada do monte de todos estes animais que non estean identificados, saneados ou non se estean a manexar correctamente, conforme ao plan de xestión aprobado. Para a organización sindical, non poden ser veciños e concellos, que non contan cos medios técnicos nin económicos precisos, os que carguen con esta tarefa do decomiso, seguindo unha lexislación de comezos do século XX, totalmente desfasada con respecto da realidade do rural e da estrutura e competencias da administración do século XXI.
A gandería cabalar e vacún en réxime de liberdade, debidamente xestionada e ordenada, pode ser unha notable fonte de riqueza nalgunhas comarcas e un factor de prevención de incendios forestais.
A Xunta de Galicia ten o deber de non seguir escondéndose, limitándose a laiarse da situación, e ten a oportunidade de liderar as solucións a este grave problema, que está detrás de numerosos conflitos que terminan en lumes forestais, en actuacións fóra da lei como os disparos a cabalos acaecidos en A Estrada en 2010, e de accidentes de tráfico que van en aumento, podéndose citar como exemplo a provincia de Lugo con 549 atropelos en 2005, e máis de 800 no ano 2010, ou o caso da comarca da Limia en Ourense, onde só no mes de xaneiro deste ano, houbo máis de 50 incidencias deste tipo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.