Unións Agrarias ven de denunciar o retraso na posta en marcha do concurso eólico galego -resolto pola Xunta en 2010 e no que se adxudicaron 2.325 MW- polos perxuizos económicos que está a ter sobre os propietarios e Comunidades de Montes nas súas perspectivas de obter ingresos en concepto de arrendamento dos terreos onde se instalarán os aeroxeradores.
A anulación do anterior concurso eólico pola Xunta de Núñez Feijoo, non só supuxo a paralización de máis de 5.000 millóns de euros en investimentos industriais privados, parte deles a desenvolverse no rural creando rendas e emprego, senón que meteu ao futuro dos parques nun caleixón xurídico sen saída, que está a provocar o retrasos e o descenso das ofertas de arrendamentos aos propietarios. Unións Agrarias tivo acceso a contratos de arrendamento de terreos eólicos das mesmas empresas, ofertadas no anulado concurso eólico do ano 2007 e do ano 2010, con caídas nas propostas de contratos dende os 3.000 euros/ano por MW a 2.750 euros/ano por MW, recorte que é unha tendencia xeneralizada no sector.
Unións Agrarias e Ventonoso queren denunciar tamén as prácticas pouco éticas das empresas eólicas, que están a ofrecer contratos nos que expropian ou pagan sómentes a parte dos terreos que ocupan as instalacións dos parques, pero que se quedan de feito cos dereitos de superficie e uso do total das parcelas, que nin valoran nin pagan no contrato, pero que logo hipotecan ao seu favor para obter financiamento na banca. Esta situación leva a que preto de 150 millóns de metros cadrados de terreo afectados polos parques estean sendo “parasitados” por unha empresa eólica que a cambio dunha renda que apenas chega a 100 euros especula coas propiedades de veciños e comunidades de montes.
Tanto desde sindicato como desde a asociación de propietarios, reclamase da Xunta que vele pola transparencia, a obxectividade dos contratos, e impida estas prácticas abusivas. Do mesmo xeito recomendase a os afectados a vía da expropiación como mecanismo para a cesión de terra por ofrecer maiores garantías.
Por último Unións Agrarias quere saír ao paso das desafortunadas declaracións do Presidente da Asociación Empresarial Eólica (AEE), quen cuestionou que se esixan inversións industriais adicionais aos concursos eólicos. Para o sindicato acompañar o programa eólico de programas agroalimentarios crea sinérxias entre os dos sectores, optimiza os recursos e maximiza as inversións. Por outro lado, dado que os propietarios ceden parte das súas terras para as instalacións eólicas, parece razoable destinar parte dos beneficios que xera a produción eléctrica para desenvolver programas que dinamicen o mundo rural.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.