O Sindicato Labrego Galego participou hoxe, 15 de febreiro, nunha xuntanza con responsábeis da Consellaría de Medio Rural e das outras organizacións agrarias para falar da convocatoria dos Plans de Mellora do ano 2012. Por parte do SLG acudiron o secretario de Servizos Públicos ás Persoas e ás Explotacións, Xosé Manuel Calvo Rei, e o técnico Enrique Outes; mentres que pola Consellería asistiron o director xeral de Produción Agropecuaria, Xosé Álvarez Robledo, a subdirectora xeral de Apoio ás Explotacións Agrarias, Patricia Ulloa, e o xefe de servizo de Explotacións Agrarias, Xabier Pereira.
No encontro valorouse o desenvolvemento dos plans de mellora do 2011 e falouse da nova convocatoria para este ano. Neste marco, o SLG criticou que máis da metade dos proxectos que se presentaron a estas axudas o ano pasado ficaron sen atender por escaseza orzamentaria. Trátase dun grave problema que afecta directamente ao desenvolvemento de centos de explotacións que, sen ese apoio financeiro, non son quen de acometer as reformas necesarias para adaptarse aos novos tempos en termos de eficacia e rendibilidade. Diante disto, o Sindicato Labrego reclamou que esas solicitudes non atendidas no 2011 se inclúan na convocatoria de 2012, petición que foi ben acollida polos responsables de Medio Rural, que amosaron a súa disposición a non denegalas e aceptalas en 2012.
O SLG pediu, a maiores, que se doten os plans de mellora con suficientes cartos para que non volva acontecer o do ano pasado, sobre todo sabendo que os proxectos que non se aprobaron en 2011 por falta de cartos competirán en pé de igualdade cos que se presenten en 2012 sen ningún tipo de preferencia, polo que sería lamentable que houbese explotacións que visen denegado o seu plan por segunda vez consecutiva pola falla de liquidez da Xunta.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.