A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, participou no encontro que mantiveron , 16 de febreiro, a Interprofesional Láctea (Inlac) e o ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, en Madrid.
Carme Freire logrou introducir dous temas na axenda do encontro que, a xuízo do SLG, son transcendentais para o futuro do sector leiteiro. En primeiro lugar, avogou por que o Estado Español manteña unha posición contraria a suprimir os controis da produción, nas negociacións que se van facer na Unión Europea, xa que de ir esta medida para adiante suporía a creación de excedentes masivos en todos os países comunitarios que afundirían os prezos e suporían a ruína para miles de explotacións.
Tamén lle transmitiu Carme Freire a Arias Cañete a necesidade de que a Lei da Cadea Alimentaria, que comezou a desenvolver o anterior Goberno, sirva para regular as marxes comerciais de cara a que consumidores e consumidoras non sigan pagando marxes abusivas e escandalosas con respecto aos prezos en orixe, como acontece agora. Ademais, Freire sinalou a necesidade de que esa mesma Lei da Cadea Alimentaria articule e garanta mecanismos para que “os produtores e produtoras poidamos negociar prezos mínimos que cubran os custes de produción e o traballo agrario, prezos por debaixo dos cales as industrias e as grandes distribuidoras non poidan pagarnos”.
Ao remate do encontro, a secretaria xeral do SLG destacou que o ministro non amosou posicións pechadas en ningunha destas cuestións, polo que o SLG seguirá traballando nos distintos foros onde se debatan para que a posición do Ministerio de Agricultura se incline a favor das explotacións leiteiras e dos labregos e labregas que traballan nelas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.