A Dirección do Viño do Sindicato Labrego Galego vén de elixir como novo responsable a Bernardo Estévez Villar. O cambio no desempeño desta responsabilidade produciuse trala solicitude de relevo da persoa que a veu facendo dende o último Congreso do Viño do SLG (29 de xaneiro de 2011), o viticultor de Valdeorras e actual secretario de Organización, Manuel Docampo Paradelo. Este solicitou poder deixar as súas tarefas á fronte da Dirección do Viño para poder dedicar o máximo do seu tempo aos labores propios da Secretaría de Organización do SLG.
Bernardo Estévez Villar é viticultor en Arnoia (O Ribeiro), onde traballa dúas hectáreas e media de viñedos e cultiva cepas dunha vintena de variedades; neste senso, destaca a súa aposta por recuperar castes autóctonas esquecidas como Lado, Silveiriña ou Verdello. A súa explotación segue as directrices da “Agricultura natural” de Masanobu Fukuoka; utiliza técnicas de cultivo biodinámicas; e envasa, etiqueta e comercializa o seu propio viño.
En palabras de Manuel Docampo, “Bernardo é un bo exemplo de viticultor mozo fortemente comprometido co traballo nas viñas, coa vida no rural, co sindicalismo labrego e co País. Seguro que mellorará moito o traballo de implicación dos labregos e labregas na definición das políticas do viño e que fomentará o medre e a mellor implantación do SLG nas comarcas vitícolas”.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.