O Ministerio de Facenda ten en previsión fortes subas na tributación dos gandeiros con incrementos nos módulos do 60% no caso das granxas de leite e do 85% nas de carne. Estas subas nas cotas do IRPF poden supoñer que unha explotación media vexa incrementada en 4.898 euros a cantidade a entregar na declaración da renda respecto do ano pasado.
O incremento da presión fiscal ven dada pola non redución dos módulos de cotización como se fixo no exercicio pasado. Así, no caso das explotacións de leite, pasarase do 20% ao 32%. Para as explotacións de carne o panorama é aínda peor xa que pasarán do 7% ao 13%.
Para Unións Agrarias este novo ataque as rendas do sector primario é ademais de inxusto, por penalizar unha actividade económica que xa a duras penas consigue saír adiante, totalmente irresponsable porque aboca ao peche granxas que son o principal activo co que contamos para loitar contra da desertización demográfica e económica do rural galego cuxas consecuencias son os incendios, a falta de control da fauna salvaxe e as dificultades para acceder con garantías a produtos alimentarios de calidade e a prezos asumibles.
Por outra banda chama poderosamente a atención a dobre vara de medir do Goberno de Rajoy que por un lado é indulxente cos grandes defraudadores promovendo anmistías fiscais a medida, e polo outro inclemente cos produtores do sector primario meténdolle a man no peto. De seguir este camiño, Unións Agrarias vería normal que os gandeiros pasaran a insubmisión fiscal porque tributarían ao 10% como os defraudadores arrepentidos.
Finalmente, e despois de escoitar na comparecencia no Parlamento do conselleiro de Medio Ambiente, que a solución para os problemas da seca é que os gandeiros se fagan un seguro que cubra esa eventualidade, Unións Agrarias recoméndalle a Agustín Hernández que se informe antes de falar, primeiro porque os modelos de seguros actuais son totalmente inútiles para Galicia e segundo porque é case de chiste que sexan os produtores galegos os que teñen que cubrir do seu peto eventualidades como a seca, algo que en Galicia se manifesta cada 60 anos.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.