Aínda sendo a maior produtora de leite de España, Galicia é a zona con menos capacidade de negociación do mundo. Así de rotundo amosábase o director xeral de Cooperativas-Agroalimentarias, Eduardo Baamonde, onte en Santiago, no transcurso da Xornada Láctea promovida por AGACA quen asegura que o futuro do sector non depende de leis, nin de políticas senón de construír un sector ben estruturado.
Baamonde presentou o Plan Estratéxico da entidade que dirixe e que aglutina ás cooperativas agrarias de toda España. Pendente de aprobación en Asemblea, xira en torno ao impulso dunha nova figura que rompería coa imaxe habitual do cooperativismo español, múltiple, disperso, e competitivo entre si: a Cooperativa Agroalimentaria Prioritaria (CAP). Nela terían cabida cooperativas de primeiro grao, segundo, SATs (Sociedades Agrarias de Transformación) e incluso produtores individuais, sempre que acaden certas condicións como unha dimensión relevante, estar en disposición de garantir o abastecemento no mercado a través da fidelidade das entregas da produción dos socios, amosar unha especialización comercial apoiada nunha estratexia a longo prazo e presentar unha xestión profesional.
De cara a incentivar a súa constitución (o ideal, aínda que utópico, segundo Baamonde sería chegar a constituír unha única en toda España que integrase a todas as cooperativas de leite, neste caso), os estímulos virían dados por obter prioridade nos PDR (Plans de Desenvolvemento Rexional), con liñas de financiamento preferente e a consideración de prioritarias nas axudas públicas a I+D+i.
A través desta figura perséguese dotar ás cooperativas dunha capacidade negociadora e de manobra ao nivel de países do norte de Europa onde unhas poucas cooperativas teñen máis do 90% de cota do mercado. Non hai que esquecer que quen está a poñer o prezo agora é a distribución e que 5 firmas acadan o 60 % do mercado español. Mediante a creación de CAPs, o sector acadaría a estabilidade ansiada e o equilibrio na cadea do que agora adoece.
Contratos obrigatorios e OPs
Aínda non hai data fixada da entrada en vigor da obrigatoriedade dos contratos, o que si se sabe e que non será aplicable antes do 3 outubro. Fernando de Antonio, técnico de gandería de Cooperativas Agro-alimentarias foi claro neste punto ao explicar as novidades do Regulamento 261/2012 da UE que aborda as relacións contractuais no sector do leite e dos produtos lácteos.
As OPs (Organizacións de Produtores) e os contratos obrigatorios xunto coas Organizacións Profesionais son os piares básicos nos que se apoia a normativa. As OPs deben constituírse expresamente por iniciativa dos produtores. O seu obxectivo é concentrar a oferta e comercializar a produción dos seus afiliados, adaptándoa en conxunto ás esixencias dos mercados.
En canto á súa dimensión, no ámbito leiteiro, a opción sería integrar un mínimo de 200.000 toneladas de produción e máis de 1.000 gandeiros por OP, cun período mínimo de adhesión de tres anos.
No relativo aos contratos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (MAGRAMA) elaborará unha aplicación informática onde se rexistrarán os datos mentres que será a INLAC quen xestionará e custodiará os contratos. Estes deberán asinarse antes da entrega, por escrito, e incluír un prezo a pagar, que será inamovible. A duración do contrato non será inferior aos seis meses; a Administración propón, a nivel estatal, un mínimo dun ano. No caso dos socios das cooperativas considérase indefinido. O gandeiro ten a opción de rexeitar a duración mínima.
Letra Q
A trazabilidade dende a orixe do leite producido en España, quedará garantida a través do novo sistema da Letra Q Multiespecie, de carácter obrigatorio. A iniciativa, posta en marcha polo MAGRAMA, apóiase nun programa informático no que deberán inscribirse os produtores, e que permitirá seguir a traxectoria do leite nos límites estatais. Ademais, os operadores que así o desexen, poderán solicitar a certificación para etiquetar os seus produtos coa Letra Q. Segundo explicou Rubén Oliveira González, representante do Ministerio, España vai por diante de moitos países con esta norma de calidade, o que pode facer máis atractivo o noso leite no estranxeiro.
Tendencias dos mercados
Juan Méndez Dónega, director da Aula de Produtos Lácteos, lembrou que as tendencias actuais apóianse en criterios como o da saúde, o pracer, a responsabilidade e a practicidade reforzadas por circunstancias demográficas, de proximidade, afán pola cociña e culto ao corpo, entre outras.
José Luis Antuña, director xeral de Feiraco deu un repaso ás tendencias dos mercados, e resaltou o desenvolvemento cooperativo do Norte de Europa (Holanda, Dinamarca, Suecia…), coma un exemplo a seguir. As cooperativas que teñen suficiente cota de mercado, aseguran mellores prezos para o agricultor e ese, segundo Antuña, pode ser o camiño en Galicia, sempre e cando se tomen decisións empresariais ordenadas e de maneira conxunta. O representante de Lactalis, Julio Domínguez, apoiou o relatorio de Antuña recordando que o control dos custes e o estudo dos mercados resulta básico para unha empresa que queira competir.
Como representante da industria, Pedro Ramos, director da Asociación de Empresas Lácteas de Galicia, afirmou que o prezo do venda ao público do leite está por debaixo da supervivencia da cadea alimentaria. Como solución, ve imprescindible un entendemento entre o gandeiro a Industria e a Administración, que ampare ao sector fronte ás prácticas abusivas da Distribución, como sucede noutros países como Estados Unidos, Francia ou Alemaña.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.