A conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, compareceu hoxe, 9 de maio, diante do Parlamento de Galicia para explicar que medidas pensa tomar para solucionar o problema de impagos de empresas como Lácteos Tambre, que deben varias entregas de leite ás explotacións que lle fornecen de materia prima dende hai máis dun ano. A intervención de Rosa Quintana producíase a instancias dunha pregunta formulada pola deputada do BNG, Tareixa Paz.
En resume, Rosa Quintana xustificou o inxustificable, ao defender a posición de Lácteos Tambre, argumentando que a esta empresa lle deixou de ingresar Clesa, que era quen lle compraba a ela. En canto ás accións levadas a cabo para forzar a Lácteos Tambre a pagar, a conselleira dixo que “o abano competencial autonómico neste ámbito é escaso”, de maneira que Medio Rural se limitou a “ofrecer avais públicos ou crédito do Igape” e a “servir de ponte”.
A falla de medidas efectivas por parte da Consellaría de Medio Rural decepcionou fondamente aos e ás titulares das explotacións afectadas, algunhas delas con sentenzas xudiciais favorables para cobrar e que aínda non ingresaron nin un céntimo, por moito que Rosa Quintana afirmase no Parlamento que lle constaba que “algunhas explotacións xa cobraron”. Carme Freire cualificou o comportamento da conselleira como “denigrante” porque “unha persoa que ten responsabilidade política e que, ademais, é a conselleira de todo o sector, incluídos produtores e produtoras, aos que debe defender, non pode exculpar a Lácteos Tambre argumentando que xa lle pagou a algunhas explotacións, pois é o mesmo que dicir que aquelas que seguen aturando débedas dende hai máis dun ano lle traen sen coidado”. A secretaria xeral do SLG cualificou esta actitude de “irresponsable e denunciable socialmente”, co agravante de facela diante dos gandeiros e gandeiras afectados polos impagos que estaban presentes no hemiciclo, e que “están a atravesar unha situación gravísima a nivel económico, en boa parte provocada pola morosidade de Lácteos Tambre”.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.