En plena crise, a cooperativa hortofrutícola de Cambados está a detectar un importante incremento no número de persoas da zona que están perdendo os seus postos de traballo e que poden atopar unha digna saída laboral iniciándose na produción de produtos de horta.
Animados polos resultados favorables do exercicio económico do 2011 e decididos a dimensionar a entidade, os socios da cooperativa, reunidos en Asemblea Xeral a semana pasada, decidiron apostar por unha baixada importante no capital necesario para converterse en socio, pasando así, de esixir 3.000€ a 305€. Deste xeito, ao mesmo tempo que aumentan a produción, contribúen a dar saídas profesionais a moitas persoas que o necesitan.
Para formar parte da cooperativa deberán dispoñer tamén de un mínimo de 2.000m2 de terreo onde situar invernadoiros. Neste punto, lembran que a Consellería do Medio Rural vén de publicar unha liña de axudas para a modernización das explotacións agrarias e para a incorporación de mozos á actividade agraria que pode ser de gran utilidade para emprendedores que queiran iniciar unha actividade agraria, xa que subvenciona as inversións iniciais. O prazo de solicitude remata o 11 de xuño.
Dende a cooperativa lembran que non é necesario contar con coñecementos previos dado que eles proporcionarán os servizos técnicos e asesorarán aos novos socios sobre todo o que precisen saber para acadar, con éxito, unha produción de calidade.
Esta cooperativa, situada en pleno corazón do Salnés, conta cunhas modernas instalacións nas que procesa a ampla gama de produtos que comercializa. Fundada en 1985, conta con 150 socios e é unha das 5 cooperativas galegas que asinaron en xuño do ano pasado, co apoio da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), un acordo de comercialización con Vegalsa- Eroski, unha das compañías máis relevantes da distribución alimentaria en Galicia, garantido así a presenza dos seus produtos nos supermercados de toda Galicia.
Horsal comercializa leitugas, pementos tipo Padrón e doutras variedades, repolos, cebolas, tomates, feixóns, etc., destacando en volume a produción de pementos e leitugas.
Os interesados poden achegarse, en persoa, á propia cooperativa para solicitar información, chamar ao teléfono 986 542195 ou contactar a través de horsal@horsalscg.com. A páxina web é www.horsalscg.com
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.