A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou hoxe, 18 de xaneiro, na xuntanza da comisión de seguimento dos acordos que se acadaron no sector lácteo galego trala folga de entregas de novembro.
Isabel Vilalba destacou o acordo unánime entre a Xunta e as organizacións agrarias para introducir unha alegación na Lei da Cadea Alimentaria, que se someterá ao Consello de Ministros do 25 de xaneiro. A alegación presentada polo sector en Galiza pretende que se introduza na configuración do prezo do leite o concepto de custes de produción, de maneira que se modifique a lexislación para que ningún prezo poida baixar deste referente. Deste xeito, o prezo debería cubrir os custes de produción e remunerar de xeito digno o traballo.
Para o Sindicato Labrego Galego vai ser determinante a decisición que adopte o Consello de Ministros do 25 de xaneiro e que se cumpra o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de facer valer o seu peso político para que esta alegación sexa aceptada.
Outra das cuestións que subliñou Isabel Vilalba nesta xuntanza foi a necesidade de ver o compromiso da industria de subir os prezos só como unha solución conxuntural e a curto prazo. Neste senso, a secretaria xeral do SLG lembrou que seguimos expostos á arbitrariedade das decisións que tome a industria de xeito unilateral, e apostou por camiñarmos cara a xeitos de traballar esta cuestión como a fixación de prezos mínimos a través da negociación colectiva ou de sistemas de indexación, como o que elaborou a Universidade de Santiago a petición da Interprofesional Láctea (Inlac).
O Sindicato Labrego tamén aproveitou esta xuntanza para facer as súas achegas á Lei de Mellora da Estrutura da Terra Agraria de Galicia, pois se trata dun texto fundamental para o desenvolvemento e futuro dos diversos sectores agrogandeiros, incluído o lácteo, que se debaterá máis a fondo na seguinte xuntanza. Para Isabel Vilalba, esta lei debería protexer o solo de uso agropecuario; e dinamizar a mobilidade de terras con arrendamentos, permutas, bancos de terras e outro tipo de instrumentos. Todo dirixido a que as explotacións poidan dotarse de suficiente base territorial como para facer rendible a súa actividade e favorecer a incorporación de xente moza á profesión agraria.
Ademais, a secretaria xeral do SLG tamén introduciu a necesidade de mellorar o financiamento das explotacións mediante convenios máis ambiciosos e efectivos que os actuais coas entidades bancarias; ou solucionar os problemas xerados por primeiros compradores como a empresa Lácteos Tambre, que deixan sen pagar o leite en orixe con total impunidade por falla de liquidez, agravando a crítica situación económica de centos de explotacións.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.