O sindicato Unións Agrarias denuncia a total falta de sensibilidade e respecto aos gandeiros que se desprende da campaña de banalización do leite que tanto Carrefour como Cepsa puxeron en marcha regalando 6 bricks por cada 10 euros de gasto en combustible, (aproximadamente 6 litros de gasolina). A organización agraria convida aos produtores lácteos a que en xusta reciprocidade, abonen o custe dos seus repostaxes coa mesma moeda, en litros de leite.
En Galicia as arredor de 9.000 familias que aínda viven da gandería de leite están a atravesar unha das situacións mais graves das que se recordan no sector, motivada pola falta de vontade política da Xunta para meter en cintura a unha distribución de capital transnacional, que está levando a extinción a base produtora coa complicidade do sector industrial.
Primeiros compradores e industrias están arrasando a capacidade produtiva galega con prezos do leite en orixe, en cotizacións de 3 e 4 cts/l por debaixo dos custes de produción. Unha incautación inmoral de renda que se basea na chantaxe e as ameazas de borrar da ruta de recollida a aquelas granxas que non se sumen aos contratos leoninos impostos.
Unha realidade, que está a provocar que o noroeste peninsular perda a súa condición de zona produtora de leite en detrimento doutras con menos adecuación natural e tecnolóxica como Castela a Mancha ou Andalucía, pero máis próximas aos grandes centros de consumo.
O sindicato chama aos consumidores e consumidoras que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros que teñen que malvender a súa produción para que os donos de empresas como Gadis, Día, Eroski ou Carrefour sigan engordando as súas contas bancarias.
UUAA en colaboración co resto das organizacións agrarias e os axentes sociais, políticos e económicos vinculados ao rural galego, celebrará, o vindeiro luns 6 de xullo as 16.00 horas no edificio Cersia de Santiago de Compostela, unha asemblea aberta na que botará a andar a “Plataforma pola defensa do sector lácteo galego”.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.