O sindicato Unións Agrarias vén e manifestar a súa indignación polas declaracións do conselleiro de Medio Rural sobre a masiva manifestación de viticultores que tivo lugar este luns polas rúas de Pontevedra ante a actitude irresponsable do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas. Desde a organización sindical ínstase ao responsable autonómico a que cumpra verdadeiramente as regras do xogo, tal e como el mesmo manifesta, e se deixe de apoiar a un grupo de adegas que coa complicidade do órgano reitor de Rías Baixas se dedican a especular á baixa co prezo que pagan ao produtor pola uva.
Para os responsables sindicais, as manifestacións de Samuel Juárez carecen de toda lóxica cando eloxia a boa xestión do Consello Regulador para elevar a DO Rías Baixas ao posto que ocupa internacionalmente. O secretario de Agricultura e Gandería Intensiva, Xosé Ramón González, cualifica de infortunadas estas declaracións e manifesta que “algo terá que ver nesta posición o produto dos viticultores e o esforzo que estes teñen realizado a prol da calidade das uvas de Rías Baixas”. Os produtores foron o verdadeiro motor da DO, a xuízo do secretario xeral, en primeiro lugar replantando as viñas e logo optimizando a produción das mesmas.
Non é de recibo, segundo o responsable sindical, que o responsable de Medio Rural avale unha xestión do Consello Regulador baseada na autorización dun incremento de cota dun 15% cando estudos deste órgano certifican que esta está a ser unha vendima record en canto a calidade e cantidade.
“Aquí o que se está a discutir non son as regras do xogo senón a forma de utilizalas para que a uns lles de maior ou menor rendemento”, sinala Xosé Ramón González en clara alusión a unhas prácticas empresariais que desembocarán en especulación e baixada do prezo de uva dunha excelente calidade.
Desde UUAA ínstase ao conselleiro de Medio Rural a que reconsidere a súa posición, que deixe de criminalizar aos produtores e defenda os intereses que son as verdadeiras vítimas da situación, xa que están vendo que máis de 3 millóns de quilos de uva se quedarán na parra.
Ao tempo, solicita que deixe de avalar accións do Consello Regulador coma o feito de que non lle permitiu a adegas que necesitaban mercar máis uvas pagar a 1,50 euros, favorecendo así prácticas especuladoras.
Do mesmo xeito, solicítase que convoque coa maior urxencia posible a Mesa do Viño, o verdadeiro marco para abordar estas e outras cuestións que preocupan ao sector como a revisión de censos de produción, a sinatura dos contratos homologados e a certificación con garantías da procedencia das uvas que entran nas adegas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.