Os produtores de patacas da Limia (Ourense) esperan para esta campaña perdas millonarias pola saturación do mercado nacional ocasionada pola crise do pepino que impediu saír cara á exportación producións de zonas con gran rendemento do Estado, como Andalucía.
Deste xeito, o peche dos mercados aos tubérculos españois de países como Rusia ou Francia asolagou de patacas do sur do país zonas, como Castela e Madrid, nas que normalmente se vendía a produción galega. sobre todo na variedade de temperá. tirando dos prezos cara a abaixo en máis dun 10%. Isto é debido a que a pataca galega é, por morfoloxía e climatoloxía, a última en chegar aos puntos de venda.
Galicia conta cunha extensión de 3.000 hectáreas, que producen preto de 100.000 toneladas de patacas, das cales a variedade de temperá, a máis valorada, supón o 10% da produción. Neste momento, os almacéns están a ofertar tan só 0’15 euros por quilo, o que escasamente supón a cotización da pataca de variedade normal, coa sugestión de que polo momento non sigan colleitando porque teñen demasiada oferta.
Unións Agrarias lembra que nada desta situación se tería dado de estar vixentes contratos homologados que regulasen as relacións comerciais entre produtores e almacenistas e fixasen para cada colleita prezos e garantía de recollida. O sindicato esixe da Xunta a apertura dunha mesa de negociación xa que non é posible estruturar un sector da importancia do pataqueiro na Limia se os agricultores non contan con ferramentas que lles permitan negociar en pé de igualdade cos compradores.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.