Unións Agrarias vén de solicitarlle ao presidente do Consello Galego da Competencia, Francisco Hernández, unha reunión co fin de trasladarlle as impresións e a información que o sindicato ten recollido entre os gandeiros en relación coa imposibilidade de negociar a entrega do seu leite coas súas empresas.
A organización sindical dirixiuse por carta ao máximo responsable deste órgano en Galicia despois de coñecer a intención do Consello Galego da Competencia de investigar de oficio a falta de liberdade dos produtores galegos para elixir a empresa á que lle venden fundamentalmente o leite.
Do mesmo xeito, Unións Agrarias pediralle a Francisco Hernández que amplíe a súa investigación sobre as prácticas monopolíticas das empresas lácteas en Galicia analizando cuestión como o feito de que a empresa Lactalis sexa a firma que menos paga o leite aos produtores galegos (concretamente a 0,304 €/litro no mes de marzo), mentres que en países como Francia o fixo a 0,3208 €/litro.
Así, a empresa Lactalis veu pagando o leite en Francia uns 2 céntimos máis caro que en Galicia, agravando así a débil situación que atravesan os gandeiros galegos que pon en perigo, en moitos casos a súa supervivencia e polo tanto, vén a debilitar aínda máis a situación económica do sector primario galego.
Do mesmo xeito, dos informes realizados polos institutos europeos de consumo LTO e CIRCA destacan que a media do leite pagado en todos os países con gandeiros aos que lle merca leite situouse en marzo deste ano en 0,3362 €/litro, máis de 3 céntimos que o pagado en Galicia.
Por empresas, en Galicia no pasado mes de marzo, a empresa que menos pagou o leite foi Lactalis que recolle o 11% da produción de leite en Galicia, seguida de Leite Celta que o fixo a 0,3047 €/litro co 12% da produción; CLAS que recolleu o 13% da produción galega a 0,3080 €/litro; Puleva a 0,3120 €/litro (8%); Danone a 0,3140 €/litro (3%) e Leite Río a 0,3160 €/litro (13%). Pascual foi a empresa láctea que máis pagou o leite galego no mes de marzo a razón de 0,3190 €/litro (3%).
A organización sindical denuncia unha vez máis este tipo de prácticas abusivas, que non dan ao gandeiro a posibilidade de concertar ou negociar e insta ao Tribunal Galego da Competencia a que emita un ditame xusto que recolla os prexuízos que estas prácticas están a xerar nos gandeiros galego e consecuentemente na economía da Comunidade.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.