A organización profesional agraria Xóvenes Agricultores-ASAJA Galicia considera “decepcionante” o esforzo investidor do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino na comunidade galega para o vindeiro ano. O secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, lamentou hoxe que o orzamento para investimento “vaia caer en 2010 un 12,24, o que supón case que duplicar a caída do investimento global do Estado en Galicia, cun descenso do 6,58%”. No exercicio actual o investimento era de 214,8 millóns, mentres que a previsión para 2010 é de 188,5 millóns. A xuízo de Francisco Bello “isto amosa unha falla de compromiso e sensibilidade do ministerio coa situación de crise que están a vivir sectores produtivos tan importantes como o lácteo ou o cárnico”.
Aínda que dende Xóvenes Agricultores se valora o esforzo da Administración estatal para as actuacións de carácter medioambiental, a organización profesional agraria lamenta que a proxección dos investimentos globais do departamento de Elena Espinosa para o exercicio de 2011 sexa aínda peor, xa que se calcula en 154,418 millóns.
Para Francisco Bello haberá que esperar ao futuro plan estratéxico para o sector lácteo para “ver se hai vontade efectiva de apoiar aos gandeiros”. O orzamento total en todo o Estado do departamento de Elena Espinosa vai caer de 13.224 millóns de euros aos 12.784 millóns (439 millóns de euros menos) para o próximo ano, “o que da idea”, segundo dixo Francisco Bello, “da profundidade e incidencia da crise para o mundo rural”.
Xóvenes Agricultores agarda que na tramitación parlamentaria do proxecto de Ley de Presupuestos Generales del Estado se faga un esforzo económico para dotar partidas que axuden, realmente, aos sectores en crise, como por exemplo o sector lácteo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.