Os 162 compromisarios asistentes ao VIII Congreso de Xóvenes Agricultores elixiron onte a Juan Pérez Miramontes como Presidente da citada asociación profesional agraria na que viña ocupando o posto de secretario xeral durante os últimos anos. Pérez Miramontes, que pasa así a un segundo plano, é substituído por Francisco Bello Bello quen, como secretario xeral, levará, xunto ao vicepresidente Manuel Fontela e ao secretario xeral técnico, Juan Pérez Sánchez-Orozco, o peso da organización. No mesmo congreso aprobouse tamén a modificación dos Estatutos de Xóvenes Agricultores.
Os congresistas, que representaban aos 19.146 socios, apoiaron aos novos dirixentes co 93,21 % dos votos. A representatividade tivo en conta a todas as agrupacións locais e comarcais, así como a incidencia provincial que a asociación ten en cada unha da catro provincias.
O congreso iniciouse cunha intervención de Pérez Miramontes quen fixo unha sentida semblanza do anterior presidente de Xóvenes Agricultores, Ramón Saavedra Mazariegos, falecido o pasado ano, un dos fundadores dunha organización que xa conta con 28 anos de vida durante os cales o desaparecido líder agrario participou en innumerables actos e iniciativas.
Por outra banda, a nova xunta directiva composta por 17 membros, aprobou a modificación dos estatutos da organización que datan de 1988, para adaptalos aos cambios e retos da sociedade moderna, tanto no que se refire á igualdade de oportunidades como á innovación, ó desenvolvemento rural, ás novas tecnoloxías, á prevención de riscos laborais ou ás esixencias medio ambientais.
Ao termo do acto, celebrado en dependencias do Hotel Cidade de Compostela, de Santiago, a nova directiva de Xóvenes Agricultores anunciou a celebración dun macrocongreso da organización para o próximo outono, unha cita na que uns 2.000 afiliados debaterán diversos relatorios sobre as políticas sectoriais a seguir durante os próximos catro anos, con especial incidencia nas tarefas a realizar desde os novos consellos reguladores do viño e das indicacións xeográficas protexidas, a elixir o próximo 1 de xullo. Os congresistas discutirán tamén sobre outras cuestións de actualidade relacionadas co medio rural.
Santiago, 19 de xuño de 2007
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.