O Sindicato Labrego Galego recibiu con esperanza os trocos introducidos polo Ministerio de Agricultura no sistema de xestión da cota láctea, aínda que non son a alternativa que defende o SLG: para esta organización agraria os dereitos de produción non poden ter valor de mercado e deberían ser gratuítos. Sempre foi unha reivindicación histórica do Sindicato Labrego a supresión do mercado de cota láctea, que foi fomentado polos gobernos anteriores (PSOE e PP) e que propiciou a aparición de mafias e a especulación cos dereitos para producir. Isto fixo que os prezos da cota se inflasen artificialmente, impedindo que moitas explotacións puidesen aumentar a súa capacidade produtiva e condenándoas ao peche. Por esta razón, valoramos como un avance importante as medidas anunciadas polo Goberno fronte á situación caótica devandita que impera na actualidade.
Outro dos cambios positivos foi definir como explotacións lácteas prioritarias á hora de adquirir cota a aquelas que están por debaixo da cota media do estado.
Non embargante, o SLG considera que se este plan non é máis ca papel mollado se ten como data de caducidade a fin da presente campaña, 31 de marzo de 2006. Para o SLG, todas as medidas anunciadas non van servir para nada se só fican vixentes durante un ano. A problemática do sector lácteo é tan fonda que necesita de plans a longo prazo que aseguren, alomenos, a viabilidade de todas as explotacións que actualmente están en activo.
Ademais, e tras analizar as novas medidas, o SLG ten que denunciar as seguintes eivas:
• O Ministerio de Agricultura mantén algúns baremos á hora de conceder cota láctea que tiña o anterior Goberno e que entran en contadición co tipo de explotación que se quere facer prioritaria.
• Aínda que se ten en conta a base territorial da explotación, este baremo fica coxo ao non ir acompañado de políticas que favorezan unha maior mobilidade de terras, ou máis facilidade á hora de que as explotacións poidan ampliar e manter a súa superficie agraria útil.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.