16-11-2004. O Sindicato Labrego Galego considera que o acordo acadado entre o Ministerio de Agricultura e UPA-Unións Agrarias respecto das axudas para compensar a suba nos prezos do gasóleo non é máis ca un parche que non soluciona un problema estrutural que está a poñer en xaque a moitas explotacións labregas de Galiza e de todo o Estado.
O SLG ten que valorar moi negativamente este acordo que consiste, basicamente, en dar unha axuda de seis céntimos por litro cando o gasóleo subiu no último ano uns 15 céntimos por litro.
Do mesmo xeito que os avestruces, UPA-Unións Agrarias agacha a cabeza diante desta problemática, negándose a ver as verdadeiras causas da desmesura no prezo do gasóleo que consumen os labregos e labregas para poder realizar o seu traballo: unha carga abusiva de impostos que supera o 30% do prezo final do carburante. Evidentemente, nunha situación como a actual, na que os custes de produción elévanse cada vez máis, e os ingresos por mor da caída de prezos dos produtos agrarios son cada vez menos, a actitude de UPA-Unións Agrarias dista moito de defender os intereses dos labregos e labregas deste país e semella, máis ben, obedecer a outro tipo de intereses máis partidistas.
Para o Sindicato Labrego Galego, o gasóleo agrícola debe ter un prezo social que non abanee constantemente por mor das variacións no valor do petróleo e que garanta a estabilidade nos custes de produción da actividade agropecuaria e uns ingresos mínimos dignos. E iso só se pode acadar reducindo os impostos que lastran o prezo do gasóleo.
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego seguirá reivindicando, como xa fixo o pasado 12 de novembro en Madrid diante do Ministerio de Agricultura, a seguinte serie de medidas de tipo fiscal:
• Exención do imposto especial de hidrocarburos para o gasóleo utilizado nas actividades agrarias (na actualidade, os labregos pagan 0’079 euros por litro, 13’09 pesetas, por este concepto).
• Aplicación dun tipo reducido de IVE para o gasóleo consumido polos profesionais agrarios de maneira que, en troques de aplicar o tipo actual do 16% (0’06224 euros por litro, ou 10’35 pesetas), se aplique o 7%.
• Supresión da taxa de hidrocarburos, ou Imposto sobre Venda Minorista (IVM), que é de 0’006 euros por litro (1 peseta).
• Establecemento dun prezo social para o gasóleo agrícola, que evite as oscilacións á alza do prezo de custe e posibilite a rendibilidade das producións agropecuarias polo seu alto valor estratéxico de cara á mantenza dun mundo rural vivo e por seren a fonte dun dereito humano básico como é a alimentación.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.