O Sindicato Labrego Galego quere contestar, expresamente, ás declaracións da Consellería de Política Agroalimentaria publicadas en El Correo Gallego nas que o seu titular, Juan Miguel Diz Guedes, afirma que as tres organizacións agrarias reunidas con el na mañá do 19 de abril “manifestaron a súa conformidade co sistema de reparto (das axudas comunitarias ao sector lácteo) proposto para este ano”. Tamén se fala na información publicada dun “repentino cambio de opinión do SLG”.
Diante deste comunicado da Consellería de Política Agroalimentaria, o SLG responde que:
• O responsábel de Acción Sindical Gandeira do SLG, Xabier Gómez Santiso, que representou a esta organización sindical na reunión mantida con Diz Guedes o 19 de abril, defendeu en todo momento outro xeito de reparto das axudas comunitarias ao sector lácteo baseado en criterios que favorecesen ás explotacións máis febles e en perigo de desaparecer, por considerar que son as que realmente necesitan as axudas.
• Ademais do SLG, outras organizacións agrarias presentes na reunión tamén amosaron o seu desacordo coa postura defendida pola Consellería.
• Finalmente, o Conselleiro de Política Agroalimentaria, afirmou taxativamente na reunión que este ano as axudas ían repartirse de xeito proporcional á cota láctea de cada explotación; é dicir, Diz Guedes IMPUXO a súa postura, que será a que leve adiante a Consellería que dirixe. Daquela, non houbo un acordo e unha postura de conformidade por parte das organizacións agrarias, senón que se impuxo a decisión da Consellería.
Así as cousas, e polo que respecta ao Sindicato Labrego Galego, esta organización nunca se amosou conforme co reparto lineal proposto por Diz Guedes, e non o fará no futuro. Pola contra, o SLG seguirá defendendo a aplicación de criterios de reparto que favorezan ás explotacións con menos recursos e renda para que poidan seguir adiante coa súa actividade económica cun mínimo de garantías.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.