O responsábel de Acción Sindical Gandeira do Sindicato Labrego, Xabier Gómez Santiso, xunto a representantes doutras organizacións agrarias, mantivo hoxe, dende as 10.00 horas, unha entrevista co Conselleiro de Política Agroalimentaria, Juan Miguel Diz Guedes, para tratar o tema do reparto das axudas directas comunitarias ao sector lácteo.
O SLG xa fixera pública, a semana pasada, a súa intención de avogar polas explotacións lácteas de menor renda e máis desfavorecidas, por considerar que son as que máis necesitan as axudas para garantir a súa supervivencia e non desaparecer.
Nembargantes, trala reunión mantida co Conselleiro, a conclusión é que Política Agroalimentaria volverá favorecer ás explotacións máis grandes. Efectivamente, Diz Guedes, escudándose en motivos burocráticos e na celeridade para conceder as axudas por mor do curto prazo concedido, repartirá os fondos europeos de xeito proporcional segundo a cota láctea que posúa cada explotación. Deste xeito, Política Agroalimentaria négase a establecer criterios de reparto, propiciando que os máis de seis millóns de euros que hai que repartir volvan recaer, no meirande, nas arcas das explotacións máis grandes e ricas.
En palabras de Xabier Gómez Santiso, a Xunta “segue negándose a facer política agraria e, coa desculpa da simplicidade burocrática e da axilización, vai seguir dando o meirande dos cartos ás explotacións máis fortes”. Respecto á proposta do SLG, Santiso defendeu “que as axudas deberían ir destinadas ás explotacións con menos renda e a aquelas que desenvolven a súa actividade en zonas desfavorecidas”.
Para o SLG, esta decisión incidirá de maneira moi negativa no medio rural galego, pois moitas explotacións en posición de debilidade, ao non recibir as axudas necesarias para manter a súa actividade, terán que pechar as súas portas, agudizando a crise de perda de postos de traballo e de despoboamento que sufre o noso medio rural.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.